17 novembro 2011

GALAXIA E-TRAD. Berrogüetto e a editorial Galaxia presentan en Vigo "O Pulso da Terra", libro biográfico escrito por Fernando Neira.Venres 18 de Novembro.Casa do Libro. 20 horas


Presentación do libro: Berrogüetto "O Pulso da Terra"
escrito por Fernando Neira.
Casa do Libro de Vigo
Venres 18 de Novembro. 20 horas
Entrada libre 

Van participar neste acto Francisco Castro, editor, Antón Seoane, músico de Milladoiro, e Anxo Pintos, músico de Berrogüetto e mestre de zanfona da e-Trad, xunto aos seus compañeiros Quico Comesaña, Quim Farinha e Santiago Cribeiro. Trátase da primeira biografía sobre Berrogüetto, escrita polo xornalista e crítico musical Fernando Neira.
Berrogüetto é, sen dúbida, un dos grupos musicais máis relevantes que deu a música de raíz tradicional galega durante as dúas últimas décadas. O volume, que coincide co Ano da Música e co décimo quinto aniversario da banda, vai acompañado do primeiro audiovisual dun concerto ao vivo desta formación (gravado en colaboración coa TVG no Auditorio de Galicia, en Compostela en novembro de 2010) mais o CD co rexistro sonoro dese mesmo concerto, que inclúe ademais un tema inédito.
Berrogüetto. O pulso da terra percorre de xeito minucioso a historia do grupo ao longo destes quince anos de actividade, tanto en Galicia como ao longo do Estado español e as súas xiras internacionais. Detalla a peripecia artística de todos os seus integrantes (os sete actuais e os que formaron parte da banda nalgún momento) e retrata a eclosión do folk galego como un dos fenómenos musicais máis relevantes para a recuperación do patrimonio cultural do país.
O libro nútrese de abundantes conversacións mantidas ex profeso para a ocasión con todos os músicos do grupo, así como con outras personalidades da cultura galega e estatal que desenvolveron un papel relevante ao longo destes tres lustros: compañeiros de profesión, colaboradores, representantes, técnicos, amigos… A través da historia de Berrogüetto, percórrese tamén a historia da música de raíz en Galicia durante os seus anos máis esplendorosos. Non faltan no libro as fotografías imprescindibles para contar a historia, moitas delas inéditas, nun formato visualmente moi coidado coa estética propia de Berrogüetto.
Editorial Galaxia e Berrogüetto Produccións acometen este proxecto multidisciplinar de forma conxunta nun exercicio de compartir as bondades e as capacidades que aporta a colaboración entre as diferentes industrias culturais.
Estades todos invitados!

Ningún comentario:

EDUCAFOLK

VIGOFOLK

Folque

A Regueifa Blog

Malmequer

El Rincón del Jarramplas

Arperia

Proxecto Virtual Patrimonio Musical Galego