02 maio 2017

Presentación do novo CD de Oscar Ibáñez: “Aires de Pontevedra. Homenaxe a Ricardo Portela – 25 Aniversario Pasamento”. Mércores 3 de maio de 2017. 20:30hs. Auditorio Milladoiro. Entrada libre ata completar aforamento (100 persoas).




OSCAR IBÁÑEZ presenta o seu novo traballo discográfico titulado "Aires de Pontevedra. Homenaxe a Ricardo Portela - 25 Aniversario Pasamento", para homenaxear a Gaiteiro de Viascón co gallo da sinalada efeméride que se cumpriu o pasado 24 de marzo de 2017. O gaiteiro Oscar Ibáñez falará do contido do disco e traballo de elaboración e interpretará varias das melodías contidas na publicación coa gaita orixinal de Ricardo Portela.
O disco contén unha escolma de 20 temas representativos do repertorio do Gaiteiro de Viascón presentes nos discos "Irmáns Portela", Festa en Viascón", "Alborada en Cotobade", "Instrumentos Musicais  Populares Galegos" ou "Galiza a José Afonso" xunto con outras pezas que Oscar Ibáñez rescatou de diferentes gravacións inéditas. Esta escolla foi gravada polo de Poio coa gaita orixinal de Ricardo Portela, na tonalidade de Dó díese e de dixitación pechada. Consciente da responsabilidade que supuña o proxecto, Oscar Ibáñez interpretou este repertorio respectando o singular toque pechado de Ricardo Portela, achegándose o máis posible ao seu estilo, técnica interpretativa e ornamentación, polo que para levar a cabo o proxecto elaborou un longo traballo previo de análise e transcrición tanto das melodías como da ornamentación empregada por Ricardo Portela nos temas seleccionados.
 A percusión correu a cargo de destacados artistas da nosa música tradicional que gravaron ou tocaron con Ricardo Portela na década dos 80 fundamentalmente como Xosé V. Ferreirós (Milladoiro), Francisco Estévez “Chuco” (E-Trad), Gonzalo Caride (artesán, músico), Wenceslao Cabezas "Polo" (Escola Municipal de Danza do Concello de Vigo), Antón López "Toniño" (Treixadura), Manuel Solla (Os Cruceiros), Xosé Carlos V. Bouza e Jesús Corral (Xarabal), Miguel Souto (O Fiadeiro), Alberto Costas (PelePau) e Manuel Alonso e Xosé María Gutiérrez (Noitarega).
 Este traballo contribúe a posta en valor dos referentes gaiteiros de Pontevedra, dos diferentes xeitos do toque pechado desta comarca así coma do repertorio de seu, na liña do libro-CD "Xoán Tilve Gaiteiro de Campañó. Gravacións Históricas de Xosé Filgueira Valverde" (aCentral Folque, 2015) de Xavier Groba e Oscar Ibáñez, no que o de Poio gravou coa gaita orixinal de Xoán Tilve, e da anterior homenaxe en dobre CD, impulsada tamén por Oscar Ibáñez en 2008 e editada por Edicións do Cumio, baixo o título “Foliada nas Rías Baixas. Homenaxe a Ricardo Portela, o Mestre” no que participaron destacados artistas, discípulos, seguidores, amigos e familiares do de Viascón.
 Promoven: Xunta de Galicia, Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través da Sectretaría Xeral de Cultura, Deputación de Pontevedra a través da Área de Cultura, Concello de Pontevedra e Concello de Cerdedo-Cotobade.
Mércores 3 de maio de 2017.
20:30hs.
Auditorio Milladoiro.
Entrada libre ata completar aforamento (100 persoas).


Ningún comentario:

EDUCAFOLK

VIGOFOLK

Folque

A Regueifa Blog

Malmequer

El Rincón del Jarramplas

Arperia

Proxecto Virtual Patrimonio Musical Galego