Visítanos en Instagram

22 novembro 2012

A ETRAD e o Conservatorio Superior de Música de Vigo establecen unha liña de colaboración


Begoña Riobó

Os responsables do Departamento de Instrumentos Tradicionais da Música Galega e o Departamento de  Musicoloxía do C.S.M. de Vigo "Manuel Olivié" e a  ETRAD, veñen de acordar o establecemento dunha relación de colaboración entre os dous centros. Deste xeito, alumnos e mestres van poder intercambiar e compartir coñecementos, actividades, experiencias e instrumentos, no marco desta relación.

As actividades comezaron coa programación dentro da asignatura de Conxunto Folk  do Conservatorio Superior, dunha Master Class impartida pola mestra da ETRAD Begoña Riobó, sobre ornamentación e estilo do violín folk.

Outro dos aspectos que xa están en marcha é o do préstamo de dúas zanfonas por parte da ETRAD ao Departamento de Instrumentos Tradicionais da Música Galega, para implementar a súa oferta educativa.

Irémosvos ampliando a información sobre a relación de actividades que ofertarán os dous centros nas vindeiras semanas.

21 novembro 2012

GALAXIA ETRAD. RODRIGO ROMANÍ EN CONCERTO. NOIA. 25 DE NOVEMBRO. 20:30HS. IGREXA DE SAN MARTIÑO

O concerto que o arpista Rodrigo Romaní dará este vindeiro domingo 25 de novembro na Igrexa de San Martiño de Noia, abre a xira de estrea do seu novo traballo discográfico en solitario: "As Arpas de Breogán"

Volcados nel, van dous anos de traballo dun dos máis sobranceiros músicos e arpistas da península, onde a experimentación e a audacia creativa, quedan perfectamente reflectidos en cada un dos temas que teredes ocasión de escoitar.

O director da ETRAD e da Orquestra Folk SondeSeu, volve amosarnos en "As Arpas de Breogán", o fino talento que guía a súa carreira desde os seus inicios, onde deu alento a Milladoiro, unha das formacións máis destacadas da música folk europea de todos os tempos. 
Neste disco atoparedes a esencia que alumea os dedos deste músico irrepetible.
Non o perdades!

Rodrigo Romaní.
"As Arpas de Breogán"
Noia. Igrexa de San Martiño.
Domingo 25 de Novembro.
20:30 horas

13 novembro 2012

FOLK 2020. A Música Folk Contemporánea como parte das Industrias Culturais e Creativas

FOLK 2020 
A Música Folk Contemporánea como parte das Industrias Culturais e Creativas
O Concello de Vigo aposta novamente pola Rede Europea de Música Folk e Tradicional, promovendo un novo proxecto europeo denominado: FOLK 2020
A cidade de Vigo é novamente o promotor dunha iniciativa que pretende dinamizar as conexións entre os centros educativos de música tradicional máis importantes do Continente, sendo unha vez máis o motor dun proxecto do Programa de Cultura da Unión Europea. Este novo proxecto involucra ademáis da cidade de Vigo, aos centros educativos que ata agora formaron parte da ENFO, procedentes de Escocia, Italia e Finlandia. Xunto a eles máis de 10 institucións musicais de toda Europa mostraron xa o seu interese por participaren nalgunha das súas actividades.

11 novembro 2012

GALAXIA ETRAD. CONCERTO DE ANXO PINTOS NA INDIA CON SANDEEP DAS.

                                                                      Foto. Karlos Abal
O mestre de zanfona da ETRAD Anxo Pintos viaxa á capital da India para facer un concerto co lendario músico, dúas veces nominado aos grammys Sandeep Das. O mestre da táboa hindú invitou a tres músicos máis de renome internacional como son a tamén galega e gaiteira Cristina Pato, ao percusionista e director da World Orchestra Josep Vicent e ao pianista canadiano Matt Herskowitz. Todos eles unirán forzas ao grupo que lidera Sandeep: The Hum Ensemble, para ofreceren ao público de Nova Delhi un concerto onde o espíritu da música da India mesturarase, entre outros, co arrecendo da música galega. No Kamani Auditorium o vindeiro 16 de Novembro. 

08 novembro 2012

GALAXIA ETRAD. A OFG SONDESEU EN CONCERTO. 17 DE NOVEMBRO. A ESTRADA.


A OFG SondeSeu volta á Estrada logo do concerto posposto na Rapa das Bestas de Sabucedo por mor da chuvia. No concerto teredes oportunidade non so de escoitar o repertorio do último traballo discográfico da formación galardoada o pasado ano co premio da crítica de música: "Barlovento", senón tamén catro novas composicións como adianto do seguinte CD da orquestra. Será o vindeiro sábado 17 de Novembro no Teatro Principal ás 21:30 horas. A entrada é gratuita previa retirada de invitación nas instalacións do Concello de A Estrada. Agardámosvos a todos!!!!

06 novembro 2012

Listas Matrícula Extraordinaria ETRAD 2012-2013

Consulta nos seguintes enlaces o listado de alumnos admitidos e en lista de espera da matrícula extraordinaria da ETRAD para o curso 2012-2013.
Listado Matrícula Extraordinaria Ciclo Medio ETRAD 2012-2013
Listado Matrícula Extraordinaria Ciclo Básico ETRAD 2012-2013