Os mestres das nove especialidades instrumentais da ETRAD veñen de completar unha semana de concertos didácticos polos que pasaron un milleiro de escolares de diferentes centros de ensino da cidade de Vigo. Este ciclo de concertos, organizado pola Concellería de Educación, tivo por obxecto achegar ás alumnas e alumnos dos centros a historia da música e dos grupos tradicionais nados na cidade a través de dúas ferramentas. A primeira, unha unidade didáctica: "Vigo en Sons", cos que coñecer nas aulas parte da historia da cidade, dos seus barrios e tamén aos grupos e músicas que os habitaron. Como complemento, no concerto os mestres amosaron o potencial dos instrumentos tanto no plano individual como co seu uso en agrupación colectiva axudándose de proxeccións audiovisuais para acadar unha experiencia plena na que contextualizar o repertorio e os instrumentos que se imparten na ETRAD, no devir musical da cidade olívica.
A dicir dos mestres da nosa escola, toda unha experiencia altamente gratificante a de partillar cos escolares o gusto e gozo por estes instrumentos da nosa cultura popular.
As aulas da escola estarán abertas para todos os que desexedes achegarvos á aprendizaxe da arpa céltica, acordeón diatónico, canto popular, corda pulsada, gaita, percusión tradicional, requinta, violín e zanfona no seguinte ano escolar.
Grazas pola vosa cálida acollida!

O Concello de Vigo, a través do Servizo de Educación pon en marcha a Escola Municipal de Música Folk e Tradicional (ETRAD), unha iniciativa innovadora proxectada para a protección e difusión da música patrimonial galega, procurando a súa evolución na mestura coas formas contemporáneas do folk urbano. A ETRAD correspóndese coas novas tendencias integradoras da educación musical que amplían a visión da música cara a unha concepción global, co selo propio da música de tradición oral.
Buscar neste blog
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario