A Orquestra Folk de Galicia SonDeSeu presentará o vindeiro xoves 15 de xuño un concerto construído arredor da figura e do repertorio de quen foi ata o ano pasado, o seu director e fundador. Baixo o título: O legado de Rodrigo Romaní Unha viaxe musical de Milladoiro a SonDeSeu, a orquestra rende tributo musical a un persoeiro que, polas súas múltiples aportacións e pola repercusión e trascendencia destas, pode considerarse central no “rexurdimento” da música galega de raíz durante os últimos 45 anos, ese é Rodrigo Romaní. Ao seu inxente traballo como músico, mestre, compositor e produtor artístico, foi quen de engadir a faceta de impulsor, fundador ou ideólogo (con frecuencia todo ao mesmo tempo) de iniciativas tan afortunadas como Milladoiro, Sondeseu OFG, o Conservatorio de Música Tradicional da Universidade Popular de Vigo (hoxe ETRAD), a Rede Europea de Orquestras Folk, o Libro Branco da Educación en Música Tradicional ou o Festival Internacional de Arpa de Noia. Proxectos, todos eles, que, un a un, induciron cambios na vida de moitas persoas, pero que ademáis, considerados en conxunto, contribuiron decisivamente a cambiar a realidade da nosa música.
SonDeSeu Orquestra Folk de Galicia recrea unha escolma de temas que forman parte do legado musical de Rodrigo Romaní; un legado que amplía os rexistros da música galega a partir dos materiais que ofrece a tradición oral de Galicia.
A entrada é por convite (Un por persoa) que pode ser retirado na secretaría da ETRAD (García Barbón, 5) en horario de 10 a 14h e de 16 a 20hs.
Concerto da OFG SonDeSeu. O Legado de Rodrigo Romaní.
Teatro Afundación.
Xoves 15 de Xuño
20:30H
Entrada por convite, (Un por persoa) que pode ser retirado na secretaría da ETRAD (García Barbón, 5) en horario de 10 a 14h e de 16 a 20hs.
Ningún comentario:
Publicar un comentario