Buscar neste blog

16 outubro 2024

CONCERTOS. Ensemble de mestres da OFG SonDeseu & ETRAD presentan VOCASÓNS, homenaxe aos 28 anos da ETRAD. Xoves 17 e 31/OUT ás 20:30h. Auditorio Municipal.

 


Aprácenos informarvos dos concertos dos mestres da ETRAD e da OFG SonDeSeu no Auditorio Municipal de Vigo o vindeiro xoves 17 e o 31 de outubro ás 20:30hs. con entrada libre e de balde. O Ensemble de mestres presentará VOCASÓNS: un concerto didáctico, homenaxe aos 28 anos de vida da ETRAD, e pensado especialmente para todas as edades e públicos nos que se invoca a importancia universal das linguas como vehículo de emocións, cultura e coñecemento, amparado na nosa língua, nas cancións e nos xéneros musicais populares. En VOCASÓNS podederes escoitar nove dos temas tradicionais galegos máis representativos, acompañados por cadansúa peza audiovisual na que se relata o avatar histórico da palabra que define cada ritmo musical. O traballo videográfico corre a cargo de Casa Gallinitas, finalistas na última edición dos Premios Youtubeiras, (estudantes da ETRAD)

Queremos estender a homenaxe a todas e todos vós, polo voso compromiso e agarimo permanente. Por iso, agardamos que veñades aos concertos e convidedes a familiares e amigxs para converter estes dous concertos nunca celebración especial para todos.

 


Os intérpretes son:

 
Xaquín Xesteira: Gaita

Begoña Riobó: Arpa Céltica, Violín

Anaïs Barbier: Voz, Percusión

Álex Balbuena: Acordeón Diatónico

Miguel Diz: Voz, Gaita e Percusión

Xosé Liz: Bouzouqui, Requinta

Chuco Estévez: Percusión

Alfonso Franco: Violín

Anxo Pintos: Zanfona

 


a OFG SONDESEU presenta:

 


VOCASÓNS

Ensemble de mestres da OFG SonDeseu & ETRAD

Xoves 17 e 31 de outubro ás 20:30h  

Auditorio Municipal de Vigo

Entrada libre e de balde ata completar aforamento

Organiza: Fundación SonDeSeu

Patrocina: Concello de Vigo

Colabora: Escola Municipal de Vigo de Música Folk e Tradicional ETRAD


+ info:

A Orquestra Folk de Galicia SonDeSeu rende homenaxe á Escola Municipal de Vigo de Música Folk e Tradicional ETRAD logo de cumplir 28 anos formando á cidadanía viguesa na música e nos instrumentos patrimoniais do noso país. A orquestra quere significar a importancia desta institución musical no devir da música galega destas tres últimas décadas. A ETRAD provén da experiencia previa do Conservatorio de Música Tradicional, pioneiro neste eido en Galicia, e posteriormente denominado Departamento de Música Tradicional da Escola de Artes e Oficios de Vigo EMAO, sempre baixo a direción de Rodrigo Romaní ata a súa xubilación no curso pasado.

As vidas da orquestra e da ETRAD camiñan xuntas dende o 2001, ano no que se funda SonDeSeu no seo da escola. O seu alumnado fai as prácticas orquestrais e conforma o elenco da formación, visitando ao longo da súa traxectoria, lugares e países tan diversos como Glasgow, Helsinki, Cork, Madrid, León, Salamanca, Zaragoza, a Bretaña francesa, Portugal, Italia e os escenarios máis selectos do noso país.

 
SonDeSeu quere agradecer o apoio inquebrantable do Concello de Vigo ao longo destes anos a ámbalas dúas institucións. Tanto SonDeSeu como a ETRAD téñense convertido en referentes no ámbito peninsular.

O Ensemble de Mestres da Orquestra Folk SonDeSeu está composto polos directores das diferentes seccións instrumentais e solistas habituais da orquestra. A parte musical, contará tamén coa presenza das mestras e mestres da ETRAD, todas e todos eles, referentes no panorama das músicas tradicional e folk galega e europea, con recoñecementos tan importantes como un Grammy, unha nominación aos Grammy Latinos, Premios da Crítica de Alemaña e Galicia, Premios Mestre Mateo, Martín Códax e da Academia de Música entre outros.

Ningún comentario:

EDUCAFOLK

VIGOFOLK

Folque

A Regueifa Blog

Malmequer

El Rincón del Jarramplas

Arperia

Proxecto Virtual Patrimonio Musical Galego