A concellería de Educación do Concello de Vigo, a través das súas escolas municipais de música, presenta un ano máis o programa “Música coa escola”, co obxecto de facer partícipes aos centros de ensino de primaria e secundaria da cidade da promoción e desenvolvemento de actividades artísticas e creativas relacionadas coa música.
O programa, do que xa teñen coñecemento dende o primeiro trimestre deste ano escolar os centros educativos públicos e concertados da cidade, está dirixido ao alumnado de Primaria e de Secundaria e consiste no traballo previo sobre a unidade didáctica facilitada nas aulas e a posterior programación de concertos didácticos no Auditorio municipal (en horario matinal por parte do profesorado das escolas municipais de música).
A Escola Municipal de Vigo de Música Folk e Tradicional (ETRAD), presentará a preto de 1.300 escolares MIGRASÓNS, unha travesía por músicas de ida e volta nun concerto que ten por protagonistas principais algunhas das melodías migrantes que acabaron por incrustarse nas músicas tradicionais e populares galegas. Para este percorrido tan diverso, as mestras e mestres da escola, amosarán e tocarán todos os instrumentos das especialidades que se ensinan na escola: Arpa céltica, acordeón diatonico, canto popular, gaita, bouzouqui, percusión tradicional, requinta, violín folk e zanfona.
- Programa Música coa Escola
- MIGRASÓNS
- Concertos Didácticos dos mestres da ETRAD
- Concellería de Educación. Concello de Vigo
- Luns 20, martes 21, mércores 22, de 12:00hs a 13:00hs
- Xoves 23/MAR en dobre sesión: de 10:00 a 11:00 e de 12:00 a 13:00hs.
- Entrada reservada aos centros de ensino participantes
Ningún comentario:
Publicar un comentario