Os mestres de Violín Folk e Canto Popular, Alfonso Franco e Carme López, participan na cuarta intensive week do Conservatorio Superior de Vigo para promover a música tradicional realizando cadanseu taller para o alumnado participante.
TUNE, Traditional Music Undergraduate Network Europe, é un proxecto de asociación para a cooperación Erasmus+ de tres anos de duración (2021-2024). O seu obxectivo é promover a colaboración estratéxica entre cinco institucións europeas de ensino superior de música mediante o desenvolvemento dun innovador módulo de música tradicional, baseado no concepto de mobilidade combinada. As institucións de Estonia, España, Francia, Grecia e Noruega aspiran a conectar e enriquecer as experiencias académicas dos estudantes de música do continente.
Do 16 ao 20 de outubro, TUNE aterra en Vigo para desenvolver a súa cuarta Semana Intensiva acollendo a estudantes e profesores de música tradicional de institucións dos cinco países que participan neste proxecto Erasmus+: Estonia, España, Francia, Grecia e Noruega. O Conservatorio Superior de Música de Vigo terá o privilexio de representar a España, e a cidade de Vigo converterase no gran escaparate da cultura tradicional galega para Europa.
Durante 5 días, TUNE terá como protagonistas a uns 50 músicos estonianos, galegos, franceses, gregos e noruegueses que se reunirán na cidade olívica para intercambiar coñecementos sobre as tradicións musicais europeas a través de talleres, conferencias e concertos. Durante esta semana intensiva os participantes nutriranse da cultura galega e europea con seis talleres sobre música tradicional, entre os cales participan os mestres da ETRAD cos obradoiros:
“Canto Tradicional Galego” por Carme López: Achegamento ao canto de tradición oral galega a través das melodías acompañadas con percusión de man para coñecer a conexión entre o canto e o ritmo nas músicas destinadas ao baile.
“Fiddle Galego” por Alfonso Franco Vázquez: Presentación dos principais golpes de arco e adornos empregados no violín para reproducir os distintos ritmos e interpretar os principais xéneros da música tradicional galega.
Ningún comentario:
Publicar un comentario