Buscar neste blog

23 febreiro 2011

Rematado o Curso: Discografía imprescindible na música tradicional e folk de Galicia



Os pasados venres 11 e 18 de febreiro celebrouse na e-Trad o curso sobre a discografía imprescindible da nosa música tradicional e folk, impartido por Alfonso Franco e ao que acudiron alumnos e non alumnos da propia escola.


Como inicio do curso, a modo de introducción poidemos contemplar a evolución que tivo lugar na nosa música en función dos distintos acontecementos históricos  do século XX. Na primeira xornada a exposición foi feita dun xeito cronolóxico  abranguendo dende a primeira gravación do coro pontevedrés Aires da Terra ate o debut dos lucenses Fuxan os Ventos en 1975.
A segunda xornada estivo adicada aos derradeiros 30 anos de discografía.

Seguide atentos ás nosas actividades. Sodes todos benvidos!


Presentación do disco "Amable" da arpista Marta Quintana

A arpista Marta Quintana presentará o seu novo disco “Amable” na e-Trad o próximo venres 4 de marzo


Galega de nacemento e viguesa de adopción formouse como arpista na Emao con Rodrigo Romaní, do que segue a ser alumna na e-Trad. Diplomada en Graduado Social pola USC e Diplomada en Educación pola USC coa especialidade de música. Estudou no Conservatorio Histórico de Santiago de Compostela. Foi membro do Orfeón Terra A Nosa, do Coro Universitario da USC, e de Camerata ad Libitum, entre outras organizacións corais, coas que participou en gravacións discográficas (mesmo colaborando con Julio Iglesias no CD” Mi vida grandes exitos”,1998). Formou parte do duo Sete Saias co que realizou un traballo discográfico (2006). Como Arpista e cantante compartiu esceario con Budiño, Mercedes Peón, tocando para o Xacobeo, Consellería de Educación (MUPEGA),Universidade de Vigo, Universidade de Santiago de Compostela, Concello de Mos, Vilagarcía,Vigo…

Neste traballo discográfico foron compañeiros de viaxe Cuchús Pimentel, Xurxo Varela, Suso Feixón, Marcos campos, Marcos Padrón entre outros músicos ; como técnico de gravación Bernal Alvarez e na mestura dixital Javier Abreu en Oceano Studio. Traballo discográfico que, como o seu nome indica, rezuma amabilidade e sensibilidade e no que podemos atopar pezas que van dende a tradición a composicións propias da arpista.

A presentación farase no salón de actos da e-Trad o venres 4 de marzo ás 19h . A entrada é libre ata completar aforo. Achegarvos a disfrutar desta doce proposta musical.

18 febreiro 2011

Curso: Iniciación á Musicoterapia. Xela Conde

11 e 18 de marzo de 2011
17h a 20h (6h)
Salón de actos da e-Trad
25 prazas
teórico – práctico
Último día de matriculación o 4 de marzo 2011 (na oficina da e-Trad de luns a venres de 16h a 19h)

Tratarase dun breve achegamento á Musicoterapia como arte, ciencia e proceso interpersoal. O seu obxectivo principal e dar a coñecer esta disciplina é facilitar unha serie de recursos novos tanto a mestres de educación musical, músicos ou persoas que traballen no ámbito da saúde ou calquera rama social. Interesante tamén para persoas que simplemente lles interese saber sobre a labor musicoterapéutica e queiran vivenciala a partir dunha serie de actividades.


Preferencia de praza para aqueles alumnos do itinerario profesional que teñan elexida na matrícula a opción "cursos de curta duración". Curso con valor académico na e-Trad: computable por 6h.

16 febreiro 2011

Divulgativos e-Trad. O ciclo "Tocar é sentir" visita os CEIP "Celso Emilio Ferreiro" e "Mosteiro- Bembrive"

O 15 de febreiro a e-Trad visitou os colexios "Celso Emilio Ferreiro" e "Mosteiro- Bembrive" dentro do ciclo divulgativo "Tocar é sentir". Como sempre o intre máis interesante para os alumnos foi o de probar os instrumentos. Polo entusiasmo co que o fan seguro que algún acabrá por animarse a elixir algun para facer músic acon el.

14 febreiro 2011

A Orquestra Folk de Galicia SondeSeu acada ex aequo con Mercedes Peón o Premio Opinión ao Mellor disco Folk galego do ano polo seu álbume "Barlovento".

A Orquestra Folk de Galicia SondeSeu acada ex aequo con Mercedes Peón o Premio Opinión (Ler máis) ao Mellor disco Folk galego do ano polo seu álbume "Barlovento".O grupo galego Berrogüetto obtivo o 3º posto na votación realizada polos sete xornalistas que integraron o xurado . Desde a e-Trad queremos felicitar a todos os integrantes da OFG SondeSeu, dirixida por Rodrigo Romaní, á que nos une un estreito vencello, tanto polo convenio de colaboración que posibilita a práctica orquestral dos nosos mellores alumnos no seu seio, como por ser un proxecto nado na escola cando aínda se chamaba Conservatorio de Música Tradicional.
Parabéns tamén para Mercedes Peón, gañadora ex aequo deste galardón e para Berrogüetto polo seu 3º posto. Non nos queremos esquecer de todas as achegas discográficas feitas este pasado ano polos músicos galegos nos ámbitos da música tradicional e folk, que seguen a demostrar o sobresaínte pulo creativo e o derroche de talento que existe no país.
Parabéns para todos!

09 febreiro 2011

Divulgativos e-Trad. O ciclo "Tocar é sentir" visita o Colexio "Hijas de María Inmaculada"

O martes oito de febreiro, o ciclo divulgativo "Tocar é Sentir" recuncou no salón de actos do Colexio "Hijas de María Inmaculada". Alí os oito mestres da e-Trad non só fomos transmisores das posibilidades dos instrumentos que impartimos na escola, senon que tamén recibimos unha lección de participación e de respeto por parte dos alumnos asistentes. Agardamos que a música siga a ser un estímulo tan emocionante nas vosas vidas como a fantástica sensación que quedou en nos tralo concerto no voso colexio

Rematado o monográfico: As melodías tradicionais na música de banda


O pasado venres día 4 de febreiro celebrouse na e-Trad o monográfico adicado ás melodías tradicionais no repertorio das bandas de música en Galicia, impartido por Xaquín Xesteira e ao que acudiron alumnos e non alumnos da propia escola.

Curso interesante no que, ademáis da contextualizacion das composicións dentro do panorama social da época dos compositores como Gustavo Freire, Bernardo del Río, Enrique García Rey, Xoán Montes, Hixinio Cambeses e Joaquín Montañés entre outros; e máis actuais como Roxelio Groba, José Carracedo, etc... escoitáronse as melodías tradicionais que son do máis coñecidas agochadas entre as rapsodias, pasodobres e xotas que estes compositores fixeron e que foron o deleite durante anos e anos da xente nas festas.

Seguide atentos ás nosas actividades. Sodes todos benvidos!

Monográfico: Cantares de Entroido. Javier Feijoó (Chisco)

Día 4 de marzo d 2011
16h a 18:30h 
Aulas da e-Trad
20 prazas
práctico
Último día de matriculación o 25 de febreiro 2011 (na oficina da e-Trad de luns a venres de 16h a 19h)

Monográfico adicado a calqueira persoa que desexe coñecer esta expresión da cultura tradicional galega, vencellada á celebración dos Entroidos en Galiza. Cantares elaborados cada ano con letras satíricas acerca dos acontecementos máis salientables.




Preferencia de praza para aqueles alumnos do itinerario profesional que teñan elexida na matrícula a opción "cursos de curta duración". Curso con valor académico na e-Trad: computable por 3h.

02 febreiro 2011

Rematado o curso: Laboratorio de composición e arranxos



Rematado o curso: Laboratorio de composición e arranxos impartido por Anxo Pintos e Carlos Quintá e celebrado na escola os días 21 e 28 de xaneiro.

Falamos de Música e Sinestesia (Audición de exemplos), influencia da ideoloxía, recordos, sensacións, do gusto e da bagaxe de cada quen na composición. Múltiples maneiras de arrancar: desde o silenzo ou un pentagrama en branco. Exercicio práctico feito por todos os asistentes, de composición e arranxo a partires de premisas obrigatorias a cumplir polo compositor e arranxador. Práctica e execución conxunta do resultado.

Rematado o Monográfico: As bandas de música populares, murgas e outras formacións




Rematado outro monográfico mais, neste caso adicado as bandas de música e a súa historia, impartido por Carlos Quintá e celebrado na escola o pasado venres 28 de xaneiro.

Os asistentes fixeron un percorrido histórico dende pricipios do s. XIX comezando polas bandas militares e como estas, o facerse independentes do exército, mudaron a bandas populares, xurdindo ademais outro tipo de formacións como as murgas. Un gran tema no que hai que falar do repertorio empregado, a morfoloxía e  a función social que tiñan as bandas, moi demandadas naquela época.
E así foi como entre fotos, audicións e lecturas dalgunhas das poucas fontes que falan sobre o tema (Albarellos, artigo de Fernando Abreu, traballo de Lorena do Pico ...) pasouse a tarde. Sen esquecer as diversas opinións de grandes persoeiros da música popular de principios do s. XX que inclúen ou non, defenden ou critican a asociación entre a nosa música popular e o repertorio e instrumentación destes conxuntos instrumentais.

Sobre este tema tamén tratará o seguinte monográfico: As melodías tradicionais na música de banda do vindeiro venres 4 de febreiro. Moi interesante.

01 febreiro 2011

Divulgativos e-Trad. O ciclo "Tocar é sentir" visita os CEIP "Illas Cíes" e "Beade-Coutada"

O martes 1 de febreiro, a e-Trad estivo presente nos CEIP "Illas Cíes" e "Beade-Coutada", amosando os instrumentos que se ensinan na escola. Ningún dos alumnos asistentes, perdeu a ocasión de probar todos os instrumentos que levamos ao concerto.

EDUCAFOLK

VIGOFOLK

Folque

A Regueifa Blog

Malmequer

El Rincón del Jarramplas

Arperia

Proxecto Virtual Patrimonio Musical Galego